1. A Profesión

BENVIDOS

O Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos da Coruña é unha corporación de direito público que agrupa os arquitectos técnicos e aparelladores que exercen a súa profesión nesta provincia da Coruña (España).
Ademais das funcións de ordenación, control do exercicio e de velar pola deontoloxía profesional, configúranse os Colexios Oficiais de Arquitectura Técnica de España como entidades ao servizo da sociedade e dos seus colexiados, ocupando un lugar de destaque como axentes da edificación e estando presentes en moitos campos do proceso edificatorio. O COAATAC encárgase, entre outros asuntos, do visado dos encargos profesionais e das documentacións técnicas, do asesoramento e apoio en aspectos xurídicos e fiscais, da formación de postgrao e tamén de manter convenios e acordos de colaboración con outras entidades públicas e privadas.

ANTECEDENTES HISTÓRICOS

A presenza activa dos Aparelladores nas obras de edificación está amplamente documentada desde o século XVI, sendo naqueles tempos acaso a primeira profesión que, cando se desempeñaba xa naquela altura baixo a figura que hoxe consideraríamos funcionarial, tiña recoñecida, ademais duns emolumentos fixos, a provisión de gastos para atender os desprazamentos ás obras ou construcións, o que comprendía a disposición dunha cabalgadura e das dietas necesarias para a súa manutención. Porén, recóllense referencias á profesión até con anterioridade, no século XV; así, por exemplo, nun dos sepulcros da Capela de Santa Clara, de Tordesillas (1430) pódese ler a seguinte inscripción: "Aquí xace Guillen de Rohan, mestre da Iglexa de León e Aparellador desta capela".

Das fileiras dos Aparelladores saíron os Mestres Maiores. As intervencións de ambos profesionais encóntranse na orixe de práticamente toda a edificación de determinada entidade executada en España até comezos do século XX.
A configuración actual da profesión xorde co Decreto de Atribucións de 16 de Xullo de 1935, que establecera a obligatoriedade de intervención dos Aparelladores en todas as obras de arquitectura, como axudante técnico das mesmas.
Académicamente constitui un marco importante a Lei de Ensinanzas Técnicas de 1957, que configurou os estudos que se impartían nas Escolas de Aparelladores, introducindo o Curso Preparatorio mailos tres años de carreira, e que estableceu as especialidades de urbanismo, organización de obras e instalacións.

A titulación universitaria de Arquitecto Técnico aparece en España con esta denominación a partir da reforma das Ensinanzas Técnicas de 1964, integrándose os estudos na Universidade a partir da Lei Xeral de Educación de 4 de Agosto de 1970, constituíndose as Escolas Universitarias de Arquitectura Técnica por Decreto de 10 de Maio de 1972. A Lei de Reforma Universitaria de 1983 e as disposicións dictadas no seu desenvolvimento mantiveran o sistema académico mencionado, que é o actualmente vixente.

XENERALIDADES

O Arquitecto Técnico ocupa hoxe, por razón dos coñecementos adquiridos na carreira, un papel moi importante no sector da edificación. Como xeneralista que coñece e aplica as técnicas ao proceso constructivo, é unha figura estreitamente emparentada coa dos Enxeñeiros Civís que desenvolven esta función noutros países, especialmente da Unión Europea, así como nos Estados Unidos e no Canadá.

A súa intervención non se limita ao deseño e aplicación das técnicas constructivas, mais tamén ocupa un papel cada vez máis preponderante na xestión do proceso inmobiliario, desenvolvendo cometidos tais como os de asesoramento na contratación e na selección e compra de produtos, materiais e instalacións; ou na obtención de autorizacións e licenzas administrativas; ou na realización dos estudos e programación financeira da promoción; ou no seguimento do cumprimento do contrato de obras e dos contratos de suministro... é a función propia do denominado project management, ou xestor de proxecto.

Todo isto con independencia da xestión económica da construción, que inclui os tradicionais aspectos de medicións e valoracións económicas de unidades de obra, consecuencia da dirección da súa execución, función esta última que constitui un rasgo característico da profesión.
A isto débese engadir unha crecente intervención, en ocasións imposta pola normativa propia das Comunidades Autónomas, en materia de programación e control de calidade, con todo o que isto implica.

A vinculación e o compromiso da profesión coa Seguridade e Saúde dos traballadores na Construción non é recente e é un feito sobradamente coñecido por todas as persoas e entidades relacionadas co sector. Quizais sexa fruto desta circunstancia, alén da especial preparación profesional dos arquitectos técnicos, o feito de a maioría dos "Coordenadores de Seguridade e Saúde" que exercen nas obras de edificación en España seren aparelladores e/ou arquitectos técnicos.

Existe unha faceta do exercicio profesional que progresivamente adquirirá maior relevo e importancia, por razón do crecente proceso de industrialización que afecta á actividade constructiva, referido á intervención nos procesos de fabricación de materiais e elementos para a construción, e especialmente o control da súa producción, que se prevé que vaia sustituindo paulatinamente o control de recepción.

Outras funcións, tais como as peritacións e valoracións inmobiliarias, especialmente no mercado hipotecario; o levantamento de planos de solares e edificios; a elaboración de informes sobre o estado de conservación e uso de edificios construídos; as peritacións xudiciais, entre outras, supoñen un espectro tamén importante de actividade. E non debemos esquecer a xefatura de obras, outra faceta destacábel no exercicio profesional, especialmente nas grandes promocións e que se ten visto fortemente impulsada logo da promulgación da LOE, por mor da específica configuración que da citada función profesional se contempla no seu artigo 11.2.c).

Alén de todo isto, resta a actividade proxectual, especialmente importante no ámbito das obras de rehabilitación, reparación e consolidación de edificios construídos e nas de adaptación e decoración de locais comerciais, que xeralmente tran ademais consigo a dirección das propias obras, nos termos establecidos na vixente lexislación.

O campo da docencia e o exercicio da función pública, é un ámbito moi importante de intervención profesional. Non se pode esquecer que, en grande parte dos máis de 8.000 Municipios españóis, os servizos técnicos son desempeñados por Arquitectos Técnicos. A súa implantación é considerábel nas Administracións Autonómicas e tamén na Administración Central.

Polas características da súa formación, os Arquitectos Técnicos posúen unha grande versatilidade, que os permite adaptarse ás circunstancias cambiantes do mercado de traballo, coa consecuencia de que xeralmente o índice de desemprego na profesión é dos máis reducidos. Diversas normas administrativas e disposicións legais regulan a actividade profesional do Arquitecto Técnico, entre elas e singularmente , a L. 12/1986, que ten regulado as súas atribucións subliñando o carácter independente e autónomo e a plena responsabilidade do seu exercicio profesional. Entre as atribucións que a Lei recoñece aos Arquitectos Técnicos inclúense as que eran propias da anterior titulación de Aparellador, (DD. 16/07/35 e 265/1971 de 19 de Febreiro) que ten regulado as intervencións técnico- profesionais que han de concorrer en toda obra de edificación suxeita á mesma, fixando as obligacións, dereitos e responsabilidades de todos os axentes.

Por disposición do previsto no Decreto 119/1973, de 1 de Febreiro, os Aparelladores e Arquitectos Técnicos incorporados ao seu correspondente Colexio Profesional poderán exercer do mesmo modo as funcións propias dos Decoradores, reguladas no RD 902/1977, de 1 de Abril.

E, finalmente, temos de aludir á especial relevancia que merece o recoñecimento que a LEI 38/1999, de 5 de Novembro, DE ORDENACIÓN DA EDIFICACIÓN (LOE) realiza á figura do Arquitecto Técnico. Non hai dúvida de que a existencia da figura da dupla dirección na edificación ("dirección facultativa") non só se ten mantido, mais tamén ten recibido un impulso definitivo coa LOE, que consolida a intervención obrigatoria do Arquitecto Técnico como "Director de Execución da Obra", xa contemplada no Decreto de 16 de Xullo de 1935, conferíndolle agora rango legal. A LOE, até amplía a intervención obrigatoria do Arquitecto Técnico como "Director de Execución da Obra", a todas aquelas obras nas que o Director de obra sexa Arquitecto, incluindo as destinadas a usos industriais e a outros nos que até agora non era obrigada a nosa intervención. Ademais, o tratamento que a LOE confere á concorrencia de dúas direccións técnicas diferentes e independentes parte da asunción da súa plena xustificación técnica, determinando ,por tanto, a inexistencia de relación subalterna algunha entre os facultativos que interveñen na obra, cada un dos cais ten as súas propias e excluintes -se ben que evidentemente relacionadas- funcións, capacidades e responsabilidades.

FUNCIÓNS DO ARQUITECTO TÉCNICO COMO DIRECTOR DA EXECUCIÓN DA OBRA A PARTIR DA L.O.E

Como componente da Dirección Facultativa ( constituída polo Director de Obra, Director da Execución da Obra e, no seu caso, Coordenador de Seguridade e Saúde en fase de execución ):
- Asume a función técnica de dirixir a execución material da obra e de controlar cualitativa e cuantitativamente a construción e a calidade do edificado ( control de calidade ).
- Verifica a recepción na obra dos produtos de construción, ordenando a realización de ensaios e probas.
- Dirixe a execución material da obra comprobando os replantexamentos, os materiais e a correcta execución e disposición dos elementos constructivos e de instalacións, de acordo co proxecto e coas instrucións do Director da Obra.
- Consigna no Libro de ordes e Asistencias as instrucións precisas.
- Subscribir a Acta de replantexamento ou de comezo de obra e o Certificado Final de Obra ( de obrigatoria aportación á Acta de Recepción da obra ).
- Elabora e subscribe as certificacións parciais e a liquidación final das unidades de obra executadas.
- Recibe os resultados dos ensaios ou probas de servizo de materiais, sistemas ou instalacións, que deben serlle entregados, obrigatoriamente, polas entidades e laboratorios de control de calidade da edificación que, ademais, lle han de prestar asistencia técnica.
- Colabora na elaboración da documentación da obra executada (Libro do Edificio) e aporta os resultados do control realizado.

INTERVENCIÓNS EN EDIFICACIÓN DO ARQUITECTO TÉCNICO

Obrigatoria, como Director de Execución da Obra e componente da Dirección Facultativa:
- En todas as obras de nova construción do grupo a) *, isto é, aquelas cun uso principal que sexa o residencial en todas as súas formas, administrativo, sanitario, relixioso, docente e cultural. Do mesmo modo e, cando o Director de Obra sexa Arquitecto, nas construcións de edificios do grupo b)*, isto é, aquelas cun uso principal que sexa o aeronáutico; agropecuario; da enerxía; da hidráulica; mineiro; de telecomunicacións; do transporte terrestre, marítimo, fluvial e aéreo; forestal; industrial; naval; da enxeñería de saneamento e hixiene; e accesorio ás obras de enxeñería e a súa explotación.
- En todas as obras proxectadas e dirixidas por Arquitecto que se realicen sobre edificacións existentes correspondentes aos usos referidos no apartado anterior, cando teñan carácter de intervención total ou, no caso de se trataren de intervencións parciais, produzan unha variación esencial da composición xeral exterior, a volumetría ou o conxunto do sistema estructural, ou teñan por obxecto alterar os usos característicos do edificio, supostos todos eles que se entenden que alteran a "configuración arquitectónica" da edificación.
- En edificios catalogados, ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico, proxectadas e dirixidas por Arquitecto, así como nas obras de carácter parcial que afecten aos elementos ou partes obxecto de protección.
- Potestativa, como componente da Dirección Facultativa, en calidade de Director de Execución en todas as obras proxectadas ou dirixidas por titulados da enxeñería.

- Potestativa no proxecto e dirección (de obra e de execución) en:
- Obras de nova construción ou intervencións en edificios existentes do grupo c) * -isto é, aquelas con usos que non figuran relacionados nos grupos a) e b)- con arreglo ás disposicións legais vixentes para a profesión, e de acordo coa súa especialidade e competencias específicas.
- Obras de nova planta de escasa entidade constructiva e simplicidade técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nunha soa planta.
- Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación en edificios existentes que non teñan carácter de intervención total, non produzan unha variación esencial da súa composición xeral exterior da súa volumetría ou do conxunto do sistema estructural e non modifiquen o uso característico do edificio.
- Obras de demolición.
- Obras de decoración.
- Outras obras e construcións que non teñan a consideración de edificacións, de acordo coa súa especialidade.
Outras intervencións
- Redacción e sinatura de estudos de seguridade e saúde e redacción de planos de seguridade e saúde. Asistencia técnica previa a tais actuacións.
- Coordenación, en fase de proxecto e de execución, da seguridade e saúde das obras de construción, con incorporación á Dirección Facultativa.

- Redacción de proxectos parciais ou documentos técnicos, con sinatura e responsabilidade propia, en aspectos concretos correspondentes ás especialidades e competencias específicas da profesión.
- Realización, con sinatura e responsabilidade propia, de medicións, cálculos, valoracións, tasacións, peritacións, estudos, informes, planos de labores e outros traballos análogos.
* Os grupos a), b) e c) nos que, a efectos da LOE, se clasifica a edificación aparecen recollidos no seu art°. 2.1 .
Na sección 5.6. Lexislación podes consultar a LOE completa.

De acordo co expresamente determinado na Lei de Colexios Profesionais (art. 5.i) e nos Estatutos Xerais da Profesión (art. 36), debe manterse que é fin esencial dos Colexios a ordenación do exercicio profesional da Arquitectura Técnica. Iso tradúcese na obrigación que recae sobre o profesional colegiado de velar polo estrito cumprimento das normas profesionais de actuación; a observancia das incompatibilidades legais; o mantemento fiel dos principios de deontoloxía profesional; polo respecto debido aos lexítimos dereitos dos receptores dos servizos profesionais; e de cantas obrigacións impoñan as disposicións vigentes que regulen as funcións e competencias dos Aparelladores e Arquitectos Técnicos. Todo iso desenvólvese no Regulamento de Normas Deontolóxicas de Actuación Profesional, que se pode descargar no documento adxunto.